O Compact Disc Digital Audio ou CDDA (en galego «disco compacto de son dixital») é un tipo de disco compacto deseñado para almacenar son en formato dixital. Comezou a ser comercializado en 1982 polas empresas Philips e Sony. Foi o primeiro sistema de gravación óptica dixital. Tamén é coñecido como CD-A.
Co formato do CD-A pretendíase superar as limitacións dos formatos convencionais, converténdose no primeiro sistema de reprodución de son que apenas se deteriora co uso, posto que pode reproducirse unha e outra vez, sen perder calidade de son.
O documento denominado Red Book («libro vermello») define o estándar para o CD-A. Pertence a un conxunto de estándares coñecido como Rainbow Books que contén as especificacións técnicas para todos os formatos da familia de discos compactos. A primeira edición do Red Book foi publicada en 1980 por parte de Philips e Sony e foi adoptada polo Digital Audio Disc Committee («comité do disco dixital de son») e ratificada baixo a norma IEC 908. O estándar non se distribúe libremente e debe ser licenciado polo resto de fabricantes.